
O 23 de febreiro celebramos no noso centro o Día de Rosalía de Castro, unha das figuras máis importantes da nosa literatura e símbolo da cultura galega.
O alumnado de ESO participou activamente nesta conmemoración cunha actividade moi especial e chea de emoción. Os rapaces e rapazas prepararon a lectura de varios poemas da autora para compartilos cos seus compañeiros e compañeiras de Educación Infantil. Foi un encontro moi bonito, no que a palabra de Rosalía serviu de ponte entre diferentes idades e encheu as aulas de sensibilidade, musicalidade e orgullo pola nosa lingua.
Pola súa parte, o grupo de 3º de ESO afondou na figura da poetisa a través da lectura e análise dalgúns dos seus poemas máis representativos. Ademais, completaron o traballo co visionado dun fragmento da serie Contou Rosalía, que lles permitiu achegarse dun xeito máis visual e contextualizado á súa vida e ao seu legado.
Con iniciativas como esta, o noso centro reafirma o compromiso coa promoción da lingua e da literatura galega, mantén viva a memoria dunha autora imprescindible e transmite ás novas xeracións o valor da nosa cultura.
Porque ler a Rosalía é sentir Galicia.
Galería de Imágenes




